Léxico galego xurídico administrativo
A reincorporación, relativamente recente, do galego ao ámbito administrativo e xurídico e a excesiva presión do castelán provocan múltiples erros no emprego da nosa lingua. Neste glosario mostraremos as palabras que poden xerar máis dúbidas á hora de elaborarmos textos.
O asterisco * sinala palabras incorrectas en galego.
Podes descargar o léxico en formato de texto: Léxico galego xurídico administrativo
aboamento: (cast. abono) 'acción de pagar, aboar'.
aboar: (cast. abonar) 'pagar ou satisfacer unha cantidade de diñeiro'.
abonar: (cast. abonar) ten en galego a acepción de 'subscribir(se), particularmente a unha publicación periódica'; para a acepción de 'pagar ou satisfacer unha cantidade de diñeiro', debemos empregar aboar.
abono: (cast. abono) 'acción ou efecto de abonar(se) ou subscribir(se)', non debe confundirse con aboamento; tampouco ten a acepción de 'substancia para fertilizar a terra', que o galego denomina fertilizante.
acompañar: (cast. acompañar) non é aconsellábel empregar este verbo como sinónimo de achegar ou xuntar en contextos transitivos como *Ademais de acreditar os requisitos mencionados, haberá que acompañar a seguinte documentación. É correcto o seu emprego noutros contextos como transitivo A solicitude terá que ir acompañada da fotocopia do DNI.
achegar: ten varias acepcións, entre as que cómpre destacar a de 'contribuír cunha cantidade para sufragar uns gastos'. Ex.: O Concello achegou tres mil euros para construír un pavillón (cast. aportar); outra acepción é a de 'presentar un documento xunto con outros'. Ex.: Haberá que achegar á instancia unha fotocopia do DNI (cast. adjuntar).
*acto delictivo: acto delituoso.
*acusar recibo: xustificar a recepción.
*acuse de recibo: xustificante de recepción.
*adeudar: deber.
*adeudo: débito, cargo, débeda.
adxunto -a: (cast. adjunto) non debemos empregalo na forma masculina invariábel, moi frecuente no castelán, en contextos como *adxunto remito o documento. O seu emprego correcto exixe que concorde en xénero e número co substantivo ao que se refire. Así, diremos: remítolle o documento... ou ben: remítolle os documentos adxuntos...
*adxuntar: xuntar, achegar.
*albacea: testamenteiro.
*allanamento á demanda: avinza á demanda.
*allanamento de morada: violación de morada.
*aluguer: alugueiro. Os termos alugamento, arrendamento, alugueiro ou arrendo indican a 'acción de realizar unha cesión a cambio dun prezo por un determinado tempo'. Renda ou alugueiro designan a 'cantidade que se paga periodicamente por esa cesión'.
*alzamento de bens: ocultación de bens.
aportar: non ten uso na linguaxe administrativa. O seu significado en galego é 'chegar ao porto' ou 'arribar' (ver achegar). É un erro moi frecuente velo en contextos *aportaron ideas interesantes; *cómpre aportar esta documentación. Neste casos, totalmente incorrectos, debemos substituílo por outros verbos como contribuír, achegar, proporcionar...
*aportación: achega.
*apremiar: apurar, constrinxir, apremar.
*apremio: apuro, présa // constrinximento, prema.
*atestiguar: testemuñar.
*abogado -a: avogado -a.
*bastanteo: en galego, a forma correcta é verificación ou validación.
*bursátil: bolsista.
calidade: (cast. calidad e cualidad) Esta palabra designa a 'superioridade de algo polas súas características' mais, alén desta acepción, tamén significa 'conxunto de características que constitúen a maneira de ser dunha persoa ou dunha cousa'. Por tanto, cobre o significado de dúas palabras do castelán (calidad e cualidad). Cómpre ter en conta que ambas as dúas viñan da mesma palabra do latín QUALITĀTE. En galego, só existe calidade, *cualidade non é unha forma admitida no estándar.
*careo: acareo.
*cauce: conduto, canle, vía.
caudal: (cast. caudal) en galego, só ten a acepción de 'cantidade de auga dunha corrente'. Non ten a acepción do castelán de 'diñeiro, bens, fondos'. Entón, non se dirá *malversación de caudais públicos senón malversación de fondos públicos.
celebrar: (cast. celebrar) a acepción principal deste verbo é a de 'festexar algo'. Debemos evitar o seu emprego en contextos como: celebrar unha reunión, celebrar un contrato... Nestes contextos, debe ser substituído por verbos máis axeitados: ter lugar, realizar unha reunión, asinar un contrato etc.
*colindante: lindeiro -a.
*conlevar: implicar, supor.
*coste: custo.
*cuota: cota.
*coxuntura: conxuntura.
creto: (cast. crédito) para referírmonos a 'sona, boa fama ou credibilidade que ten algo ou alguén' empregamos normalmente creto. Mais, para denominar a 'operación pola que unha persoa ou entidade presta a outra unha cantidade de diñeiro' só empregaremos crédito.
cualificar: (cast. calificar e cualificar). Este verbo significa 'avaliar o grao de calidade de algo ou alguén' ou ben 'caracterizar alguén ou algo cunha determinada calidade'. En galego non existe *calificar.
cumprimentar: (cast. cumplimentar). En galego, só ten a acepción de 'facerlle os cumprimentos ou os parabéns a alguén' pero non se considera correcta a acepción moi estendida no castelán administrativo, de 'cubrir un documento'. Así, será incorrecta a frase *cumprimentar unha instancia; no seu lugar, escribiremos cubrir unha instancia.
*cupo: cota.
custas: (cast. costas) non se debe confundir con costa (do mar) ou costas (lombo), as custas do xuízo.
*danos e prexuízos: este calco do castelán debe ser substituído por danos e perdas.
*deixación: (cast. dejación) desleixo, abandono, renuncia.
*delictivo: delituoso.
*desahucio: desafiuzamento.
*desahuciar: desafiuzar.
*desglose: desagregación.
*derogar: derrogar.
desenrolo: só se emprega cando significa 'desenrolar algo que está enrolado'. Para outros significados, debemos usar desenvolvemento.
*devengar: (cast. devengar) segundo o contexto, debemos substituílo por percibir, adquirir o dereito a percibir (unha cantidade); retribuír (unha cantidade); recoñecer (un dereito, unha obriga); producir, acumular (xuros).
dieta: (cast. dieta) este substantivo só ten en galego o significado de 'réxime alimentario'. Na acepción de 'estipendio que se lle dá a un traballador ou traballadora pola realización dun servizo fóra do seu lugar de residencia' debemos usar axuda de custo.
dimitir: (cast. dimitir) alén da acepción 'renunciar alguén a un cargo ou posto' tamén pode significar 'destituír alguén dun cargo ou dun posto', sinónimo de cesar.
dirección: (cast. dirección) esta palabra designa a acción de dirixir o traxecto ou liña que segue unha persoa ou unha cousa no seu movemento (dirección prohibida). Porén, enderezo emprégase para a indicación do domicilio ou residencia.
*encausar: procesar.
*enaxenar: allear.
*entablar: presentar, interpoñer, formular. Para 'poñer táboas', empregaremos entaboar.
*enxuizamento: procesamento, axuizamento.
*enxuizar: procesar, xulgar, axuizar.
*erogar: errogar.
evacuar: (cast. evacuar). Debemos empregalo só co significado de 'baleirar'. Sería, por tanto, incorrecta unha frase do tipo *evacuar un informe; a forma correcta é emitir un informe.
fallar: (cast. fallar). Non equivale ao cast. fallar co significado de 'decidir un litixio ou proceso'. No seu canto, debemos empregar decidir ou algún outro sinónimo (resolver, ditaminar, xulgar). En galego, só significa errar.
*fallar unha sentenza: resolver unha sentenza.
fallo: (cast. fallo). É un sinónimo de erro. Igual ca o verbo fallar, este substantivo non debe utilizarse como equivalente do cast. fallo co significado de 'decisión ou sentenza'.
*fehaciente: que dá fe, incuestionábel, fidedigno.
*financieiro -a: financeiro -a.
*finca: predio, leira, soar.
*finiquito: liquidación.
firma: (cast. firma, rúbrica). Tamén se di sinatura. Firma tamén é sinónimo de 'marca comercial'.
fraude: este substantivo ten xénero feminino (a fraude fiscal).
*garantizar: garantir. Conxúgase segundo o modelo de partir (garanto, garantes, garante...).
grao: (cast. grado) non debe confundirse con grado nin con gran. Grado existe na expresión 'de bo grado'. Gran é unha semente, unha pequena partícula libre ou unha broulla que nace na pel.
*gubernamental: gobernamental.
*impago: non-pagamento.
*incomparecencia: non-comparecencia.
*incurrir: incorrer.
informar: é equivalente do cast. informar en todas as acepcións, pero debe evitarse o seu emprego co significado de 'emitir informe'. Así pois, non son correctas as expresións seguintes: *informar unha resolución, *resolución informada; no seu canto, debemos dicir emitir informe ou informar sobre unha resolución, resolución sometida a informe ou resolución obxecto de informe.
instar: (cast. instar). O seu correcto emprego exixe unha construción do tipo 'instar alguén para facer algo'. Así pois, será correcto dicir: instaron a delegada provincial para que se constrúa un centro cultural, pero non *instaron a construción dun centro cultural.
interese: (cast. interés) coa acepción de 'diñeiro que produce un capital' só podemos empregar xuro. O termo interese indica 'a circunstancia pola que unha cousa ten importancia ou valor para alguén'.
inversión: (cast. inversión) non equivale ao castelán na acepción de 'colocación ou emprego dunha cantidade de diñeiro nun negocio con fins produtivos'. Nesta acepción, o galego utiliza investimento.
investimento: (cast. inversión) é equivalente do cast. inversión na acepción de 'colocación ou emprego dunha cantidade de diñeiro nun negocio con fins produtivos'.
investir: (cast. investir ou invertir) ten dúas acepcións, unha delas equivale a 'conferir unha dignidade ou un cargo importante' (cast. investir); outra, equivale a 'colocar unha cantidade de diñeiro nun negocio con fins produtivos' (cast. invertir).
levantar: este verbo significa 'alzar, erguer'. Non obstante, no ámbito xurídico é habitual velo noutros contextos, co significado de 'rematar, finalizar ou concluír'. Para *levantar acta empregaremos redactar a acta; para *levantar a sesión empregaremos rematar a sesión; para *levantar atestado empregaremos elaborar o atestado.
*lonxano: afastado, distante, arredado.
orzamento: (cast. presupuesto). É sinónimo de presuposto. O verbo é orzar.
*orzamentar: orzar.
ostentar: (cast. ostentar). A acepción primordial deste verbo é a de 'facer ostentación de algo'. Polo tanto, non é correcto o seu emprego, moi frecuente en castelán, en expresións como *ostentar un cargo, *ostentar unha representación. Debe dicirse mellor ocupar un cargo, exercer unha representación.
*pagadeiro: pagadoiro.
*pagaduría: pagadoría.
*pagaré: obriga de pagamento.
percorrer: (cast. recorrer). Atravesar un espazo. Recorrer existe en galego co significado de 'presentar un recurso contra unha resolución xudicial, administrativa etc.' (cast. recurrir).
*plantexar: presentar, propoñer, propor, expor, expoñer, formular, suscitar.
*plantexamento: formulación, presentación, exposición, proposta, proxecto.
*plantilla: Para traducir o castelán plantilla cómpre ter en conta as tres acepcións que posúe a palabra: cadro de persoal, persoal, persoas empregadas... (o cadro de persoal desta empresa está formado por cinco persoas); formulario, modelo... (É preciso cubrir o formulario que se anexa); soleta 'peza interior do calzado que cobre a planta' (necesito unhas soletas para estes zapatos).
*pleito: preito.
*pliego: prego.
*ponencia: relatorio.
*postor: licitador, ofertante.
*presupuestario: orzamentario.
*prorrata: pro rata.
*prorratear: ratear.
*prorrateo: rateo.
*rasgo: trazo.
*recabar: solicitar, pedir, demandar, reclamar, recadar, conseguir, recoller, obter.
*recargo: recarga.
*recaudatorio: de recadación.
*recibí: xustificante de recepción.
*recién: acabado de.
recorrer: (cast. recurrir). Na acepción de 'presentar un recurso contra unha disposición, unha sentenza etc.' debe rexer a preposición contra; así, non é correcto dicir: *o condenado recorreu a sentenza, senón que debemos dicir: o condenado recorreu contra a sentenza. Tampouco é correcto dicir: *a sentenza recorrida, si en cambio: a sentenza obxecto de recurso ou a sentenza contra a que se recorreu.
*refrendar: referendar.
*rellenar: encher, cubrir.
*rentabilidade: rendibilidade.
*rentable: rendible rendíbel.
*requerimento: requirimento.
*respaldar: apoiar.
*revocar: revogar.
secreto -a: (cast. secreto/a). Só ten uso como adxectivo (a policía secreta). O substantivo é segredo (o segredo da familia).
*seña: aceno, xesto//dato, enderezo. En galego, nunca equivale a 'enderezo ou lugar de residencia'.
*sobreseimiento: sobresemento.
*solventar: resolver.
*sondeo: sondaxe.
*subasta: poxa.
suborno: (cast. soborno / cohecho). En galego, non hai dúas palabras para denominar o suborno dun cidadán ou dunha cidadá calquera ou do funcionariado. Se queremos indicar o segundo dos conceptos recorreremos a 'suborno dun funcionario ou dunha funcionaria'.
*subsanar: corrixir, emendar, rectificar.
*substracción: subtracción.
*substraer: subtraer.
*surtir: dependendo dos contextos, empregaremos abastecer (abastecer os mercados) ou producir (producir efectos).
*tantear: tentear.
*taquilla: despacho de billetes, portelo.
*tasa: taxa.
*tasar: taxar.
testemuña: (cast. testigo) persoa que presenza un feito; o termo testemuño (cast. testimonio) designa a declaración que fai a testemuña.
*turno: quenda, vez, rolda
*turnar: aquendar, repartir por quenda, alternar, rotar.
*tutear: atuar.
*tutoría: titoría.
*ubicación: situación, localización.
*urbán -á: urbano -a.
urxir: (cast. urgir). O seu emprego é correcto como verbo impersoal en construcións do tipo urxía unha intervención rápida, urxe a comparecencia da persoa interesada. Non son correctas as construcións transitivas do tipo: *urxiron da Deputación a construción dunha estrada, *urximos ao concelleiro para que tome unha decisión.
*usufructo: usufruto.
*utillaje: útiles, equipamento, instrumental, ferramentas.
*uxier: conserxe.
*vecindade: veciñanza.
*ventanilla: ventá, portelo.
*veredito: veredicto.
*vía de apremio: vía de constrinximento, vía de prema, vía executiva.
*visto bo: visto e prace.
*viudedade: viuvez.
vixilante: (cast. vigilante) esta palabra pode funcionar como adxectivo (prometeu unha actitude vixiante para evitar delitos ambientais) ou como substantivo (traballaba como vixilante nocturno). Non obstante, a forma vixiante só pode empregarse como adxectivo 'que está en actitude ou disposición de vixiar'.
vogal: (cast. vocal). Integrante dun xurado, consello, tribunal etc., que ten voz. Tamén se lle chama así a cada un dos sons que se producen cando o aire non atopa obstáculos nos órganos de articulación ao saír e ás letras que representan estes sons.
xeral: (cast. general). Significa 'común'. Só empregamos xeneral para nomear o cargo militar (cast. general).
xerar: (cast. generar). Este verbo pertence a unha familia irregular, por tanto, temos xeneralizar, dexenerar, rexenerar, xeneralidade...
*xurisdicción: xurisdición.
xuro: (cast. interés) rédito.
*xusticieiro: xusticeiro.
*xuzgar: xulgar.




